Thursday 28 de March de 2024

O Concello destina 334.000 euros en axudas a  63 entidades deportivas da cidade, o importe máis elevado nos últimos anos


A partida practicamente triplica os 120.000 euros orzamentados para este fin na convocatoria do ano 2019

O Concello da Coruña, a través da Área de Deportes, acordou un investimento de 333.145,93 euros en axudas destinadas ás entidades deportivas da cidade, o importe máis elevado orzamentado polo Goberno municipal nos últimos anos, e que case triplica os 120.000 euros que no ano 2019 se destinaron a este mesmo concepto.

A convocatoria foi aprobada en Xunta de Goberno Local o pasado 19 de xaneiro e publicada no Boletín Oficial da Provincia (BOP) o día 28 do mesmo mes, e permitiulles ás distintas asociacións e clubs optar a ditas axudas, que, segundo o tipo, oscilaron entre os 4.000 e os 10.000 euros. A resolución provisional determinou a concesión de 63 axudas destinadas a entidades sen ánimo de lucro, orientadas ao fomento e apoio á realización de actividades físicas e deportivas para realizar durante este ano.

Neste sentido, a concelleira de Deportes, Mónica Martínez, valorou o esforzo levado a cabo polo Goberno municipal “estando ao carón das entidades deportivas e incrementando as axudas por terceiro ano consecutivo, atendendo ás dificultades vividas polas asociacións e clubs da cidade no contexto da pandemia”.

O Concello atendeu, ademais, á diversidade e riqueza de disciplinas deportivas que se desenvolven na cidade, apoiando actividades como baloncesto, fútbol-sala, balonmán,atletismo, triatlón, hóckey sobre patíns e sobre herba, xadrez, pesca submarina, patinaxe artística e en liña, natación, waterpolo, tenis de mesa, ximnasia rítmica, halterofilia, vela, judo, automobilismo, piragüismo, tiro con arco e fútbol gaélico, entre outros.

As diversas liñas de axudas
As axudas ofrecidas polo Concello varían segundo o tipo de actividade á que van destinadas. Así, as de organización de actividades deportivas chegan aos 6.000 euros; as dedicadas a actividades físicas, federados ou non, dirixidas a mellorar a capacidade física e o tempo de ocio, poden chegar ata 4.000 euros; as de organización de campamentos e campus infantís que axuden á conciliación da vida familiar, ata 6.000 euros; as destinadas a actividades diversas (foros, congresos, publicacións…) ata 4.000 euros; e as de organización de actividades extraordinarias (eventos deportivos), ata 10.000 euros.